Sunday 05 de May de 2024

A Xunta apoia a dotación de equipamento e o funcionamento da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Carballo


― O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe aos voluntarios de Protección Civil deste concello, aos que a Xunta destinou nos últimos anos máis de 71.500 euros nos seus gastos de mantemento e na adquisición de material de emerxencias

― O Goberno galego investiu nos últimos anos 18M€ nas Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da comunidade, entre os 14M€ en equipamento e outros 4M€ en custos de funcionamento

― A AGASP oferta 38 cursos presenciais e online no primeiro semestre para este colectivo e outra vintena descentralizados en distintos concellos galegos

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe a sede da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Carballo, na que a Xunta leva investidos máis 71.500 euros para o seu funcionamento e a dotación de material.

O investimento en material cedido aos voluntarios de Protección Civil deste concello supera os 35.400 euros, co obxectivo de que poidan levar a cabo o seu traballo con garantías e nas mellores condicións, ao mesmo tempo que se contribúe a mellorar a eficacia nas súas intervencións. Entre o equipamento adquirido inclúese un furgón, 1 remolque de emerxencias, unha embarcación, un baúl de salvamento, un vehículo todocamiño tipo pick-up, unha tenda de campaña de emerxencias, un traxe de protección fronte á velutina e varios terminais Tetra con GPS.

A esta contía súmanse outros 36.106 euros para colaborar nos seus gastos de mantemento a través das ordes anuais do Goberno galego, como a deste ano dotada con 340.000 euros para 234 as AVPC da comunidade.

Santiago Villanueva destacou o traballo altruísta dos voluntarios para reforzar os servizos de emerxencias da comunidade e lembrou o apoio da Administración autonómica a estas agrupacións con case 18 millóns investidos nos últimos anos.

Por unha parte, a través das axudas para sufragar os gastos de funcionamento das agrupacións, cun investimento de máis de 4 millóns de euros.Esta convocatoria complétase co apoio prestado para a mellora do seu equipamento con achegas de máis de 14 millóns de euros.

A Xunta destinou á orde de axudas do ano pasado para equipamento máis de 1 millón de euros destinados á adquisición de 19 vehículos todocamiño tipo pick-up, 6 remolques para a atención das emerxencias, 26 tendas de campaña, 8 coitelas para a retirada de neve e 8 esparexedores de sal.

O Goberno galego aposta ademais pola formación no ámbito das emerxencias, que se leva a cabo desde a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), achegando aos voluntarios os contidos necesarios para actualizar o seu aprendizaxe en materias que teñan aplicación no seu traballo diario.

A Academia organiza e imparte o curso de formación básica obrigatorio para os novos membros das agrupacións de voluntarios de Protección Civil e conta ademais con plans de formación continua con cursos especializados. Así, ata xuño recibirán 38 cursos presenciais e online con case 600 prazas en materias como, por exemplo, busca de persoas desaparecidas, grandes concentracións de persoas, condición de vehículos, a coordinación ante incendios, ou operativos de plans de emerxencias.

Tamén se ofertan neste primeiro semestre do ano case unha vintena de cursos descentralizados e presenciais nas catro provincias con 424 prazas para achegar a formación aos voluntarios. A maioría dos módulos están relacionados co uso do desfibrilador externo semiautomático (DESA).